Friday 03 de May de 2024

O Concello de Lousame pon en marcha “Educando en familia”, un programa gratuíto de formación sobre a primeira infancia


 

As sesións terán lugar todos os martes do curso escolar, de 11:00 a 12:30, no PAI de Lousame. As inscricións poden facerse nos Servizos Sociais do Concello de Lousame

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, asistiu esta mañá á posta en marcha do programa “Educando en Familia”, unha actividade socioeducativa totalmente gratuíta e que está dirixida a familias de Lousame con fillos e fillas de 0 a 3 anos. As sesións terán lugar durante o curso escolar todos os martes, de 11:00 a 12:30 horas, no Punto de Atención á Infancia de Lousame, na parroquia de Tállara.

Silvia Agrafojo explica que “o obxectivo é que as familias de Lousame teñan un lugar de encontro para compartir experiencias, polo que animo aos pais e nais con fillos e fillas de menos de tres anos a que participen. Penso que vai ser unha experiencia moi enriquecedora na que, ao final de cada sesión, terá lugar unha titoría individualizada para comentar calquera dúbida”. O prazo de inscrición estará aberto nos Servizos Sociais do Concello de Lousame ou no 981 820 494.

A concelleira de Servizos Sociais indica que “este é o terceiro ano no que facemos esta actividade, pero este curso vai ser algo diferente. Os dous primeiros foi impartido por unha psicóloga e este ano quixemos cambiar un pouco a actividade, que vai ser impartida pola educadora familiar de Lousame”.

Pilar Calvo, educadora familiar de Lousame, explica que “Educando en familia” vai ser “un espazo para compartir experiencias e a forma que temos de educar todas as familias e aportar o que podemos cada un. Hai diferentes formas de educar, non hai mellores nin peores, hai diferentes. O que tratamos é que todos aporten a súa experiencia”. Neste sentido, Pilar Calvo adianta que “intentamos que as sesións sexan moi grupais, para que todos aporten a súa experiencia e nós proporcionarémoslles as ferramentas que sexan precisas para mellorar no posible. A educar tamén se aprende, porque os nenos non veñen cun manual de instrucións debaixo do brazo”.

Este será o terceiro ano consecutivo no que o Concello de Lousame organiza este tipo de actividade para familias con nenos/as menores de 3 anos. A primeira, celebrada en abril de 2017, contou coa participación de 6 familias. A segunda, celebrada entre novembro de 2017 e maio de 2018, reuniu a un total de 11 familias. Nesta terceira edición, o Concello de Lousame ofrece 12 prazas de xeito totalmente gratuíto. As sesións comezarán a impartirse o próximo martes, xa que o temporal de hoxe fixo que só acudisen dúas das seis familias xa inscritas, pais e nais que participaron no curso pasado e continúan neste ano.